xoves, 18 de xaneiro de 2018

Campaña Sentido Común

Black Mirror é unha serie de televisión británica que xira arredor da tecnoloxía e como afecta as nosas vidas.
A Mesa pola Normalización Lingüística lanza a campaña Sentido Común, baseada nun capítulo desta serie e que mostra en ficción unha situación complexa para os galegofalantes que o día a día vai demostrando como totalmente real. 
Con esta curtametraxe, A Mesa pola Normalización Lingüística pon sobre a mesa unha vez máis a problemática que sofren diariamente aquelas persoas que se expresan ou queren expresar en galego en calquera situación.
A Mesa está a desenvolver unha intensa campaña e recollida de sinaturas para dar a coñecer a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.



mércores, 17 de xaneiro de 2018

Visita á Audiencia Provincial


Alumnado de 4º de ESO asistiu o pasado martes á Sala Segunda da Audiencia de Pontevedra para presenciar un xuízo.

Nesta ocasión tratábase dun xuízo contra a saúde pública.
Durante a vista os alumnos puideron coñecer os xeitos de proceder dos letrados e dos membros do tribunal e logo conversaron tanto cos avogados coma co xuíz Xose Xoan Barreiro.
Esta actividade, que se realiza en colaboración co departamento de Xeografía e Historia, xunto co Gabinete de Normalización Lingüística da Audiencia Provincial, serve para achegar e dar a coñecer o funcionamento da xustiza e o uso que da lingua galega se fai neste ámbito, que segundo o informe do Consello de Europa cómpre dunha maior presenza.
Pincha aquí se queres ler a nova que saíu no Faro de Vigo.

mércores, 10 de xaneiro de 2018

Concurso Cartas de Amor



Antigamente dicían que o día 2 de febreiro era o día do amor:“Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”
Esta data parécenos ideal para amosar os nosos sentimentos a aqueles que máis queremos.

Por iso queremos desde o ENDL que este ano "biques en galego".


Escribe unha carta ou unha declaración de amor en lingua galega que pode ir dirixida a outras persoas, á natureza ou calquera cousa animada que nos guste tanto que sexa capaz de espertar en nós sentimientos de amor.
- Poderán redactarse en prosa ou en verso, a man, a máquina ou a ordenador... e non deberán sobrepasar unha carilla de extensión.

-    Poderanse empregar todas aquelas técnicas que se desexe, incluír debuxos, fotos....
-       Terase en conta o grao de elaboración, a orixinalidade, o correcto uso do idioma e a calidade da lingua.
-       Todas as cartas deberán ser inéditas e cada participante poderá enviar un máximo de dúas cartas.
-        Podes enviar os teus traballos ben en word ou escaneados a este enderezo: titoriavilaboa@gmail.com ou deixándoos nun sobre na conserxería do centro cos teus datos persoais.

O prazo remata o día 31 de Xaneiro