domingo, 3 de xuño de 2018

Certame de Poesía Improvisada do Morrazo

O 31 de Maio tivo lugar no Auditorio de Cangas a fase final do Certame Comarcal de Poesía Improvisada do Morrazo. Alumnado de 2º de ESO de 12 centros de ensino das localidades de Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa déronse cita para apoiar aos compañeiros que os representaban e de paso ver se se levaban a Regueifa.
Os nosos parabéns ao alumnado do IES As Barxas polo premio e polas súas composicións. 
Deixámosvos un resumo dalgunhas das intervencións do noso alumnado durante o certame. Parabéns para a alumna Carmen Torres que conseguiu pasar á fase final  e agardamos repetir o próximo ano.
 

xoves, 24 de maio de 2018

Poemas de Mª Victoria Moreno

Alumnado dos cursos de 1ºESO, 2ºESO e 4º ESO, dentro da materia de música, quixeron contribuír á celebración das Letras Galegas poñendo voz e melodías a diferentes poemas da autora homenaxeada, Mª Victoria Moreno. 
Sobre unha base TRAP, que é un subxénero do HIP HOP, musicaron diferentes poemas extraídos do libro Elexías de Luz
A continuación podes ver o resultado final 

 

mércores, 9 de maio de 2018

Obradoiro de Regueifas

Co obxectivo que os xóvenes empreguen a lingua propia de xeito natural e a vinculen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión nace o Certame Comarcal de Poesía Improvisada, no que participan 13 centros da bisbarra do Morrazo.
Luís Caruncho e Pinto d'Herbón son os encargados de guiar ao alumnado na arte da improvisación, sendo a axilidade mental e ritmo o fundamental do proceso.
Dúas sesións servirán para preparar a alumnos e alumnas para a fase final que terá lugar o 31 de Maio no Auditorio de Cangas. Veremos daquela quen se leva a Regueifa, a rosca que antigamente se regalaba nas vodas entre os convidados e que repartía aquel máis enxeñoso na arte da improvisación oral.
No certame participan as Concellerías de Normalización dos concellos de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa.

martes, 17 de abril de 2018

Anagnórise

Anagnórise é o coñecemento dalgo que sempre estivo aí mais non conseguimos ver. É a historia de Nicolau, que marcha de casa para deixar atrás un amor e vai na busca dun novo destino cando acaba sendo o principio de todo.
A novela, posiblememente a máis exitosa de Mª Victoria Moreno, e o primeiro grande fito da Literatura Xuvenil en galego, volve estar de actualidade aproveitando que este ano se homenaxea á súa autora.
Alumnado de 3º de ESO asistiu á adaptación que o grupo Limiar Teatro fixo da obra.
O espectáculo preséntase no desguace onde chegou o coche de Xulia, unha das personaxes, despois dun fatal accidente. Dous operarios comezan a desmontaxe do coche e cada peza remitirá a un momento da historia.

domingo, 8 de abril de 2018

Obradoiro de Xornalismo

O pasado mércores 4 de Abril alumnos de 3º ESO participaron no obradoiro desenvolvido polo Colexio de Xornalistas.
Xornalismo na escola é un proxecto realizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa' e que xa vai pola 3ª edición.
Diferentes profesionais  impartirán estas  xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO en Institutos de Ensino Secundario de toda a xeografía galega.
Un total de 90 obradoiros que teñen como  obxectivo introducir ao alumnado no mundo dos medios de comunicación, cada vez máis importante hoxe en día.
O alumnado tivo a oportunidade de entender o funcionamento dos medios de comunicación e coñecer o seu papel na sociedade, aprendendo a diferenciar as noticias reais das inventadas, contrastar informacións, fomentar o espírito crítico etc...
Se queres ver a noticia na prensa podes clicar aquí.

martes, 27 de febreiro de 2018

Manuscrito Vindel

Visitamos o Museo do Mar de Vigo para contemplar posiblemente unha das obras literarias máis importantes e emblemáticas da historia da nosa literatura, o Manuscrito Vindel. Unha oportunidade única e talvez irrepetible de termos na nosa terra algo tan importante para a nosa cultura e para a cultura occidental en xeral.
Alumnado de 3ºESO puido coñecer as técnicas que empregaban nos scriptorium os monxes para copiar e facer estas obras, as tintas, a confección dos pergameos etc...

Ademais percorremos a exposición permanente do Museo do Mar e visitamos o pequeno aquarium onde descubrimos as principais especies que habitan as nosas rías.


Unha vez rematada a nosa visita, fomos ata o CIFP Manuel Antonio para visitar o Ciclo Superior en Hostalaría e degustar os pratos que os alumnos preparan a diario para o público en xeral.
Espaguetis, polo asado ou tenreira estufada foi o noso menú nesta ocasión e tivemos a sorte de visitar as instalacións dos módulos



luns, 19 de febreiro de 2018

Premios Bica en Galego

O pasado venres fixemos entrega dos premios aos gañadores do concurso Bica en Galego, que sendo a primeira vez que se convocaba tivo unha boísima acollida entre o alumnado.

Ainhoa Fernández de 4ªEP foi a gañadora na súa etapa e no ciclo de ESO decidiuse repartir catro premios pola calidade tanto na forma como no contido dos traballos presentados por: María Capeáns, Borja Moreira, Lara Cortegoso e Raquel Trabazo, todos eles alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO.
Se queres ler os traballos só tes que premer no nome de cada participante. 
Noraboa a tod@s