luns, 11 de decembro de 2017

Chegou o Samaín

Como vén sendo costume, achegándose os Santos é o momento de decorar as nosas cabazas. 
Nesta ocasión ademais de facer debuxos e un obradoiro de decoración de cabazas tamén organizamos unha exposición cos froitos típicos de outono e loxicamente non podían faltar as castañas e os cogumelos.

Debuxamos e pintamos

Froitos de outono
Por outro lado, as profesoras de Educación Infantil organizaron un obradoiro de decoración de cabazas entre os pais e nais e así de maneira conxunta cos seus fillos fixeron verdadeiras fermosuras.
Obradoiro de Cabazas



luns, 8 de maio de 2017

Entrevistamos a Mucha, a creadora dos sombreiros de entroido

O sombreiro é o elemento máis notable e chamativo do vestiario das madamas e dos galáns. 
Antigamente moitas persoas encargábanse deste labor pero na actualidade apenas quedan persoas que saiban o oficio e, sobre todo, que durante horas e días se adiquen en corpo e alma a confeccionar un a un cada sombreiro.
Mucha é unha desas persoas que dende hai vinte e catro anos deseña e constrúe os sombreiros das madamas e dos galáns para o entroido.
Varias ducias das súas creacións luciron os integrantes dos grupos de bailadores.
Na entrevista contounos como foron mudando os materiais e os xeitos de construír cada un deles. Como empezou e, na actualidade, a escaseza de continuadores deste traballo, fundamental para que os traxes das madamas e os galáns luzan  fermosos.
 

xoves, 27 de abril de 2017

Exposición O Entroido na Galiza


A riqueza de entroidos tradicionais  existente en Galicia é moi importante, sobre todo na provincia de Ourense. Ademais dos Peliqueiros, os Cigarróns ou os Boteiros hai outras moitas manifestacións do entroido ao largo da nosa xeografía.
O rei de Covelo, o oso de Salcedo, as Bonitas de Sande, o Labardeiro de Mugares, o Vergalleiro de Sarreaus  e moitos máis son un exemplo desta riqueza cultural e etnográfica e que se estende polos concellos de O Bolo, Bande, A Mezquita, Toén ou Pobra de Brollón entre outros.
Este curso deseñamos unha exposición de vinte e tres cartaces onde se poderán coñecer os aspectos máis relevantes de cada un deles: vestiario, orixe, tradición, danzas e algunhas curiosidades.
Se queres podes descargar a exposición nas seguintes ligazóns:  
Clica aquí (parte 1)
Clica aquí (parte 2)

venres, 17 de marzo de 2017

O Baile

O baile é un dos elementos,xunto co vestiario, fundamental dentro da festa de entroido. Durante meses os compoñentes da comparsa ensaian as danzas que ao longo dos días de festa soarán por todas as parroquias e lugares de Vilaboa. 
As pezas que acostuman soar son : Danza do Entroido de Cobres, a muiñeira, a xota e o agarradiño; composicións de autor descoñecido e consideradas de carácter tradicional.
Se queres escoitar as músicas orixinais non tes máis que clicar en cada un dos seguintes links:
Os bailes, no entanto, crese que naceron no lugar da Cardiña onde se vive dun xeito moi intenso todo o que conleva o entroido. Tanto é así que se mantén a tradición de que o entroido ten que percorrer a Cardiña o mesmo martes de entroido como proba de respecto ao lugar e ás xentes descendentes daqueles que noutrora lle deron vida a esta tradición . 
Dúas parellas de madamas e galáns, alumnos e alumnas do noso colexio, quixeron amosarnos dúas pezas o día que celebramos o entroido no Toural. Aarón, Yago, Andrea e Paula (alumnos de 1º e 2º de ESO) agasalláronos cos seus bailes e amosáronos que lle resta moitísimo futuro a esta festa.



sábado, 11 de marzo de 2017

Entrevistamos a unha Madama e un Galán


O tradicional entroido de Cobres é un dos máis rechamantes, vistosos e atractivos e á vez diferentes que se celebran en Galicia. Remóntase a principios do século XVIII e esta herdanza cultural foi transmitida de pais a fillos de xeración en xeración.
Os protagonistas son as Madamas e os Galáns que percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e San Adrián, acompañados por unha charanga (gaiteiros), que ao son da música agasallan cos seus bailes aos presentes alí por onde van. Cos bailes, a música (xotas, muiñeiras, o agarradiño) e a popular Danza dos Cobres –propia da zona- levan a festa de porta en porta
Adriana e Alejandro, dous compoñentes novos dos grupos de Madamas e Galáns, fálannos do desenvolvemento da celebración, da confección dos traxes, dos bailes e do sentir particular que teñen cara á festa.